Cangas debe axudar a conciliar vida laboral e familiar

O Goberno Municipal deixa de lado ás familias que utilizaban a Aula Matinal

Alternativa denuncia públicamente a grave falta de transparencia e obstrucción á información por parte do Goberno Municipal, que está a prexudicar directamente ás familias do noso concello. Na última sesión plenaria, AV viuse privada dun elemento esencial para o debate: un informe xurídico clave sobre a Aula Matinal que foi filtrado á prensa antes de ser facilitado aos membros da corporación.

Non só se nos negou o acceso previo a este documento, senón que, no mesmo pleno, o secretario municipal rexeitou lelo ou explicalo, impedindo que puidésemos exercer o noso dereito a debater e votar con pleno coñecemento da situación.

Isto non é só un ataque a Alternativa do Veciños senón tamén unha agresión directa ás familias que dependen da Aula Matinal e o Comedor Escolar para conciliar a súa vida laboral e familiar. O Goberno Municipal, escudándose nun informe que só uns poucos coñecían, está negándose a cumprir un acordo plenario que incluía financiamento para estos servizos esenciais.

AS FAMILIAS AS PRINCIPAIS PERXUDICADAS

A negativa a garantir este servizo supón un duro golpe para centos de nais e pais que dependen da Aula Matinal para poder traballar. Mentres noutros concellos este servizo está garantido a través do propio Concello ou mediante convenios con ANPA e outras entidades, aquí vemos un bloqueo político sen ningunha xustificación real, que deixa ás familias sen unha solución efectiva para a conciliación.

A estratexia do Goberno de ocultar información e tomar decisións a porta pechada non só perxudica a transparencia democrática, senón que ataca directamente aos dereitos das familias traballadoras, que precisan este servizo e que agora quedan en total incerteza.

ESIXIMOS TRANSPARENCIA E RESPECTO AOS ACORDOS PLENARIOS

Ante esta situación, demandamos eue se garanta o acceso a toda a documentación necesaria para tomar decisións no Pleno en tempo e forma, evitando que o Goberno Municipal volva ocultar informes clave que afectan directamente á cidadanía.

Tamén se pide que dean explicación pola negativa a informarnos en pleno sobre un documento clave para as familias, unha actitude que consideramos impropia e antidemocrática, e que o Goberno Municipal modifique de inmediato esta actitude obstrutiva e se cumpra co acordo plenario, garantindo a execución da Aula Matinal e a continuidade dos Comedores escolares tal e como está previsto nos Orzamentos Municipais aprobados.

NON IMOS CALAR: TOMAREMOS MEDIDAS LEGAIS E POLÍTICAS

Ante esta situación presentaremos queixas e recursos ante as administracións correspondentes para que se investigue este abuso de poder e se tomen as medidas necesarias para garantir o dereito á información e a execución dos acordos plenarios. Esta manobra do Goberno Municipal non nos fará cambiar os nosos principios nin os nosos compromisos coa cidadanía.

A nosa ideoloxía non vai virar á dereita, porque estamos a defender un servizo público esencial que garante a igualdade de oportunidades e a conciliación das familias. O que denunciamos hoxe non é unha cuestión ideolóxica, senón unha cuestión de xustiza social, dereitos fundamentais e respecto polas necesidades reais das veciñas e veciños do noso Concello.

Seguiremos loitando para que se respecte a transparencia, os acordos plenarios e, sobre todo, para que as familias non sexan as principais damnificadas pola irresponsabilidade e a falta de compromiso deste Goberno Municipal ou do Goberno municipal que sexa.

Comparte esta nova!