Cambre sen programación cultural á vista

O pleno de onte deixou unha situación insólita: o propio goberno abstívose nun asunto incluído por urxencia fora da orde do día, o que deixa a programación cultural de 2026 nunha situación de total incerteza.

O pleno rexeitou o pagamento de 34.567 euros en facturas correspondentes a actuacións artísticas contratadas durante o 2025 a través da Rede Cultural da Deputación de A Coruña, impedindo a participación nesta liña de subvencións ao longo do presente ano.

No contexto administrativo e político actual, este asunto deixa Cambre sen unha previsión clara de programación cultural para o 2026, tendo en conta que a oferta cultural do municipio leva anos dependendo, en boa medida, da Rede Cultural.

A xestión deste expediente foi claramente deficiente, xa que non se realizou a correspondente retención de crédito, o que motiva informes negativos de secretaría, intervención e coordinación técnica da área. Un erro de fondo que se produciu nun momento especialmente convulso da transición do goberno local entre UXC e o actual executivo do PP.

Porén, Alternativa amósase especialmente crítica coa forma na que se levou este asunto a pleno: fora da orde do día e por vía de urxencia, “sen o traballo político previo necesario para procurar un mínimo consenso nun tema que afecta directamente á oferta cultural para a veciñanza.”

Desde o grupo municipalconsideran que, nun asunto desta relevancia, era necesario actuar con máis previsión, máis diálogo e unha actitude máis aberta e conciliadora co resto da corporación.

Comparte esta nova!