O Concello de Cambre pretende converter en urbanizables 43.000 metros de solo rústico no Seixal
O Goberno municipal de Cambre pretende que un terreo rústico de 43.000 m², situado na zona do Seixal, se convirta en urbanizable para poder construír edificios de 15 metros de altura e un gran centro comercial, que vai afundir o comercio e o pequeno comercio que hai en toda a zona do Graxal e da Costa da Tapia. A través deste movemento, vai crearse unha nave comercial de 25.586 m² e edificios de 15 metros de altura que ocuparán 7.500 metros máis.
Este caso é un exemplo da mediocre xestión que permite a inexistencia dun Plan Xeral de urbanismo que regule os usos do solo. A carencia deste documento en vigor provoca que o Goberno basee o seu urbanismo en normas subsidiarias obsoletas que provocan políticas clientelares como este “pelotazo” urbanístico nun lugar que precisa de máis zonas verdes, necesarias para o benestar dos veciños e veciñas. Cambre non necesita máis ladrillo, Cambre precisa parques.
Desde Alternativa dos Veciños faremos todo o que poidamos para que Cambre conte cun Plan Xeral e progrese. Loitaremos contra esta actuación urbanística que pretende realizar o Goberno municipal e que suporía un golpe contra o benestar do municipio.