O Concello de Cambre non paga á EDAR Bens as taxas que si lles cobra aos veciños
A empresa de depuración das augas residuais da comarca da Coruña, a EDAR de Bens, que está formada polos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, procederá a presentar un contencioso administrativo contra o Concello de Cambre por non pagar as taxas de depuración que lle corresponden, e que si lles están a cobrar aos veciños.
A débeda acada os 500.000 euros, sumando principal e xuros, co agravante de que os veciños si están pagando pola depuración a través do recibo da auga. A negativa do Concello de Cambre vén dada porque non queren pagar o IVE.
“A EDAR Bens é unha empresa que formamos os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para xestionar a depuración das augas residuais. Cada municipio ten que pagar unha parte proporcional para garantir a depuración da auga, para non contaminar o mar. Dáse a circunstancia que neste momento o Concello de Cambre non está pagando a parte que lle toca, alegando que non ten que pagar o IVE. En cambio aos veciños si lle están cobrando o canon da depuración e están gardando eses cartos no caixón do Concello. Paréceme moi grave. Ese diñeiro de Cambre ten que entrar na empresa pública, igual que o dos demais concellos. Hai que pagar as nóminas do persoal da depuradora, as subministracións, a electricidade…, para que funcione o saneamento”, comentou o alcalde de Oleiros.