Cambre e Oleiros falan de infraestruturas comúns de auga e mobilidade

As redes de subministro de auga, a Vía Ártabra e o paseo da Ría, na taboa reivindicativa de ambos concellos ante outras administracións

A presión conxunta que poden exercer os concellos de Cambre e Oleiros ante o resto das administracións para conseguir diversas melloras de infraestruturas foi o principal contido da xuntanza que mantiveron a alcaldesa de Cambre, María Pan, e o de Oleiros, Ángel García Seoane.

As melloras necesarias na rede de conducción de auga, e as previsións para retomar a continuación da Vía Ártabra son os temas cos que presionarán á Xunta. En relación a esta estrutura viaria que poña en plena operatividade a conexión da península mariñán cos principais eixos viarios de Galicia, os Concellos reclamarán que se aborde sen demora.

A conducción de auga, sobre a que recabarán tamén o compromiso dos concellos de Bergondo e Sada, precísase unha mellora xeral da rede e sobre todo a construción dun novo depósito no Coroto, en Nós, para dar servizo a parte desa parroquia además de boa parte das parroquias de Cambre. Os catro concellos comparten as redes de auga potable grazas á orografía do leste da Área Metropolitana.

Outro tema da conversa foi a necesaria presión ante Costas para que remate o itinerario costeiro que une Cambre e Oleiros para facilitar a conexión ciclo peonil de todo o interior da ría, xa que tras as últimas obras de rexeneración do ecosistema deixaron sen rematar dous treitos, con conexións viarias que resultan perigosas para a mobilidade.

Comparte esta nova!