Resulta urxente regularizar a situación económica do concellos de Cambre e Culleredo, ambos afectados por un grave problema de xestión en relación coas empresas que prestan servizos a ambos municipios e coas que se manteñen grandes débedas.
O caos de xestión do que foron obxecto estas duas administracións no pasado recente troxuo como resultado unha situación que xa foi denunciado en varias ocasións polos concelleiros da Alternativa dos Veciños, xa que non se sacaban a concurso servizos tan importantes como xardinería ou limpeza viaria, entre outros, e se adxudicaban de xeito directo.
As irregularidades foron tantas que os servizos xurídicos e económicos quixeron poñer fin a esta situación que informaron negativamente calquera pago que non respetase a normativa de contratos, polo que se produxo un considerable caos na xestión. Unha situación que pode chegar a determinar responsabilidades civís e penais por incumprir contratos tanto referidos ao mantemento de servizos como ás obras públicas.
Alternativa fora nese momento moi criticada porque dicían que se “paralizaba a vida municipal”, pero o tempo pon a cada un no seu lugar.
Na actualidade algunhas empresas amenazan con pechar por falta de pagos municipais, non se abonan as subvencións ás entidades, nen se pagan as facturas de pequenos suministradores.
A máis perxudicada por esta complexa situación administrativa é a veciñanza, polo que é preciso regularizar a situación e poñer unha clara liña vermella para que nun futuro inmediato non se abone pago nengún sen a existencia dun contrato previo, situación que deben controlar os servizos de intervención e xurídicos de ambos concellos.
Alternativa chama á responsabilidade dos grupos da oposición para que os concellos poidan saldar as débedas coas empresas afectadas, xa que os veciños non son os culpables do descontrol e o mal goberno da vida municipal dos últimos anos en ambos concellos.