Bota a andar o recinto para eventos de Bastiagueiro

As entidades sociais e culturais do municipio deixaron testemuñas de hoxendía para enterrar nos alicerces do edificio

O edificio máis grande de Oleiros comezou a construirse o sábado 27 de xaneiro cun acto protagonizado polas entidades sociais e veciñais do municipio. O Multiusos de Bastiagueiro será unha gran estrutura circular integrada no Bosque dos Veciños con capacidade máxima de case 4.000 persoas.

As artes, o deporte e outros eventos como feiras ou congresos poderán ter como escenario este novo recinto, que nace ao segundo intento, despois de que en 2005 (cando Alternativa non tiña maioría absoluta) o PSOE o boicoteara no último momento obrigando ao Concello a pagar case 200.000 euros á empresa construtora á que xa se tiña adxudicada a súa realización.

A colocación da primeira pedra resultou un éxito de convocatoria, xa que foron numerosas as entidades que achegaron as súas fotos e testemuñas para encher a caixa blindada na que deixaron sinais da época na que estamos vivindo: fotografías, publicacións, e incluso unhas zapatillas de ballet da Escola de Danza.

Tamén se enterrou un escrito do alcalde titulado “Carta a quen sabe quen” na que fai un repaso do que Oleiros conseguiu nas últimas décadas e describe o difícil que está a ser a evolución cara a un mundo en paz e con menos desigualdade.

Comparte esta nova!