Bota a andar a substitución da pasarela do Castelo de Santa Cruz

Costas contrata o deseño para licitalo en 2026

A pasarela do Castelo de Santa Cruz non daba máis de si. Aínda que de momento é segura, a súa saúde estrutural recomenda facer unha nova, pois a reparación sería moito máis gravosa para as arcas públicas. Tras diversas xestións e demandas realizadas polo Goberno municipal de Alternativa dos Veciños, haberá nova pasarela.

Costas do Estado, organismo do Ministerio de Transición Ecolóxica, ven de sacar a contratación o proxecto por 75.000 euros para, posteriormente, no ano 2026 contratar a obra, que polas estimacións iniciais roldará o millón de euros.

O castelo é moito máis ca unha icona de Oleiros, protagonista da súa heráldica e principais símbolos municipais. Á beleza da súa ubicación na recollida bahía de Santa Cruz engádese a heroicidade das xentes desa contorna que, con tesón e o apoio da veciñanza de Oleiros articulada na Alternativa dos Veciños, reclamou e chegou a “invadir” a illa ante as reticencias de algúns militares da época a cedelo á cidadanía.

Hoxe, a senda que o arrodea é de feito parte do paseo marítimo de Santa Cruz, que conecta con Naval e As Galeras e próximamente quedará unido ao de Mera, configurando así unha senda marítima de máis de 20 km, entre O Graxal e Lorbé.

O arranxo da pasarela do Castelo foi tratado hai poucos meses entre o alcalde, Ángel García Seoane, e o O Secretario de Estado do Medio Ambiente, Hugo Morán, nunha visita que este último xirou a Oleiros para activar tamén a finalización dos treitos do paseo da ría que quedaron sen facer tras a recuperación do ecosistema interior da ría.

Comparte esta nova!