Unha torre de alta tensión que está a renovarse mesmo ao lado do mosteiro de San Salvador, en Bergondo, está escandalizando á veciñanza, que mostrará o seu rexeitamento o vindeiro mércores, ás 7 da tarde, no adro da igrexa.
Tanto a Xunta como Naturgy son obxecto da indignación veciñal, á que apoian tanto Alternativa dos Veciños coma os seus socios do PSOE no goberno municipal. Queren que se retire a torre de alta tensión ubicada no adro deste monumento, considerado ben de interés cultural recoñecido pola propia Xunta de Galicia.
San Salvador é un dos mellores exemplos da arquitectura románica de Galicia, construido hai 900 anos. Alternativa propón o soterramento da liña e a dignificación da contorna de tan importante monumento arquitectónico.
Soterramento que debe ser cofinanciado pola Xunta. Tamén se agarda que de chegarse a algún acordo co goberno autonómico as obras do soterramento se executen de inmediato e non teñan que agardar 20 anos en levarse a cabo como ocorreu no seu día coas liñas de alta tensión que cruzan a urbanización Solimar en Oseiro (Arteixo).