A comarca coruñesa configura unha área metropolitana da que forman parte os concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Carral, Cerceda e Oleiros. Así mesmo, a imperante necesidade dun cambio no Concello de Bergondo provocou a nosa futura irrupción na súa vida política.
Algúns dos municipios da comarca precisan de importantes cambios políticos e institucionais que permitan tender pontes para demandar de xeito conxunto os servizos e infraestruturas dos que carecen. Tamén se precisan solucións prácticas en materia de desenvolvemento sostible, emprego local e artellamento territorial. Medidas que consoliden unha área metropolitana con dinamismo demográfico e con capacidade para liderar o pulo económico de Galicia.
Desde Alternativa dos Veciños levamos 39 anos aplicando unhas políticas moi claras no Concello de Oleiros, que entendemos que son un exemplo a importar nos demais municipios da comarca. Aínda que inicialmente as nosas actuacións foron ferozmente criticadas e non contaron coa comprensión dunha gran maioría, co paso dos anos amosouse que eran válidas e moi eficaces para acadar un desenvolvemento ordenado e sostible que permite que todos os cidadáns gocen dunha gran calidade de vida.
Estamos a ver como partidos de ámbito estatal, autonómico e outros creados a partir de escisións destes están a levar a cabo políticas caciquís e clientelistas que prexudican gravemente os intereses xerais da cidadanía.
Debemos desterrar dos concellos a aqueles que utilizan os seus votos nos plenos para bloquear e impedir gobernar cando non sacan tallada persoal ou partidista.
A partir das próximas eleccións municipais, Alternativa dos Veciños pretende contar con representación nos sete concellos da comarca para contribuír a formar gobernos que pensen na cidadanía e acadar así, con políticas pensadas para o pobo, o progreso e benestar do mesmo. Por riba de intereses localistas e electoralistas, loitamos por un transporte público eficaz, un planeamento urbanístico ordenado, uns servizos públicos de calidade, unhas infraestruturas viarias acordes á realidade da nosa comarca e unhas políticas de emprego activas.