As persoas ilegais non existen

Ante o auxe fascista non caben ambigüidades nin cálculos electoralistas

Os feitos acontecidos no municipio murciano de Torre Pacheco son absolutamente repudiables. Nun Estado democrático como o noso, o Ministerio do Interior non pode permitir que grupos paramilitares campen ás súas anchas durante días polas rúas, sementando o terror, perseguindo e agredindo persoas, destrozando comercios…

Esa chusma fascista, que cometeu graves delitos de odio e de orde pública en Murcia, propagan intolerancia e bulos a diario a través das redes con total impunidade. Da súa man, agroman tamén cada vez con máis forza pseudomedios dixitais (financiados por comunidades autónomas como a de Madrid) que desinforman, intoxican e acosan a quen non comulga cos postulados da extrema dereita.

Ante o auxe fascista non caben ambigüidades nin cálculos electoralistas. O futuro democrático de España está en xogo. E aí hai que sinalar tanto a PP como a PSOE. Feijóo segue sen saber que quere ser de maior e a Sánchez, para tapar as indecentes vergoñas do seu partido, vaille moi ben unha extrema dereita forte, para mobilizar ao electorado de esquerdas e ao mesmo tempo desangrar ao PP ante a súa indefinición.

Garantir o dereito que temos a seguir vivindo nun país libre pasa por aplicar a lei de partidos e ilegalizar a VOX por non condenar actos terroristas como os de Murcia. Non podemos seguir financiando con cartos públicos a un partido que pretende destruír o sistema democrático e que é o principal promotor do odio en España. Normalizar a VOX, tal e como acabamos de comprobar, pode ter consecuencias nefastas para a nosa convivencia.

A inmigración non é un problema. A inmigración é unha solución á necesidade de man de obra que ten España para seguir progresando, ao problema de natalidade, ao abandono do campo,… Rubios, morenos, negros ou brancos; todos somos iguais ante a lei (menos un, o rei).

Comparte esta nova!