As familias pagan os pratos rotos do funcionamento irregular do Servizo de Axuda no Fogar en Cangas

A falta de contrato impide controlar a xestión do servizo e o que se paga polo mesmo

Desde Alternativas dos Veciños queremos manifestar a nosa preocupación pola actual xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello de Cangas. A nosa única prioridade é garantir que este servizo fundamental se preste con transparencia, dentro da legalidade e cunha calidade digna para as familias que dependen del.

Detectamos que a empresa concesionaria continúa prestando o servizo sen contrato en vigor desde o 30 de xuño de 2024, unha situación que foi recoñecida polo propio secretario municipal no seu informe xurídico de data 31 de xaneiro de 2025. Ademais, sabemos que o Concello está a pagar á empresa cantidades por riba do estipulado na licitación orixinal, sen que exista unha base legal que o ampare e que a empresa reduciu servizos que si están contemplados no contrato orixinal.

Esta situación non só pon en risco a transparencia na xestión dos recursos públicos, senón que tamén impide que a Administración poida esixir responsabilidades á empresa en caso de incumprimento, xa que non hai contrato en vigor que determine os seus dereitos e obrigas. Isto afecta directamente ás familias que reciben este servizo, que deberían contar cunha atención garantida e cunhas condicións claras tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias.

Desde o noso grupo, levamos dous anos informando ao goberno municipal e en sesión plenaria que deben actuar de inmediato para corrixir esta mala praxe administrativa, pero ata hoxe non recibimos ningún tipo de intento de corrección. Por este motivo, solicitamos formalmente informes específicos a Secretaría e Intervención, que permitan exclarecer a situación e establecer as medidas necesarias para regularizala canto antes. Queremos darlle a oportunidade ao goberno municipal para rectificar e poñer fin a esta xestión opaca, garantindo que os servizos públicos se presten con todas as garantías legais e con responsabilidade.

A nosa intención non é frear a prestación dun servizo esencial como o SAF, senón asegurar que se xestione da maneira correcta, con contratos en vigor, con transparencia e con todas as garantías para os usuarios e traballadores. Pedimos ao goberno municipal que abandone as malas prácticas e actúe con responsabilidade, porque cando falamos de Servizo de Axuda no Fogar, falamos de persoas que necesitan unha atención digna, xusta e imprescindible para elas e para as súas familias.

Desde Alternativa dos Veciños, seguiremos traballando para que o Concello de Cangas actúe dentro da legalidade, con responsabilidade e en beneficio das familias que dependen deste servizo, sempre entendemos que dito servizo era esencial para a veciñanza e así o demostramos no noso goberno (19-23) cando realizamos o gran esforzo de incrementar a partida para este servizo nun 50% ainda cando a oposición nos tiña os orzamentos bloqueados (2018= 551.648 €, 2019= 726.873, 2020 = 1.115.053,57 €). Hoxe o que demandamos é transparencia, é bo facer, é un servizo digno para os nosos usuarios que ademáis pagamos toda a veciñanza cos nosos impostos.

Comparte esta nova!