As dunas que rexurden con paciencia e alegría

Un anaco de Santa Cristina cúidase especialmente para recuperar este ecosistema natural

Defender o medio natural sempre estivo no ADN da Alternativa. Foi precisamente a praia de Santa Cristina o cerne deste movemento veciñal por defender o territorio ante a barbarie desarrollista dos anos 70 do pasado século o que deu lugar a que as persoas tomasen o mando da situación e mandasen parar.

Oleiros está embarcado nun proxecto silencioso, paciente, case invisible, mimado e rexenerador. As dunas de Santa Cristina volven ter unha vida natural simplemente por deixalas existir sen presión. Así se cuida o territorio. Así se mima a paisaxe. Así se cuida o público. Así se constrúe un Oleiros cada día mellor.

Unha historia de resistencia

Santa Cristina estaba sendo invadida de cemento e unha urbanización malsana e antinatural. O paraíso que era esa barra de area hai cen anos estaba sempre ameazado pola brutaldade constructora da época, que se animaba co sol e praia para construir e especular coa segunda vivenda dirixida ás clases medias.

O resultado de Santa Cristina ía ser un espazo compacto, urbanizado, de aspecto cutre, sen servizos públicos nen saneamentos, sen espazos comúns… todo privado. Naceron así varias rúas nas que se foi construindo e, en plena barra de dunas, o hotel Rías Altas, todo un atentado permitido polas autoridades da fin da dictadura, xusto no corazón da praia.

Ao tomar conciencia da barbarie ambiental que viña enriba, a veciñanza de Perillo organízase na Asociación de Veciños A Ría, xérmolo da primeira candidatura veciñal, que con outras de Santa Cruz, Mera e as parroquias do norte e o interior foron dando cobertura territorial a esta solución política tecida á marxe dos grandes partidos, que como máis tarde se demostraría, obedecían antes ás súas estruturas provinciais e galegas que á realidade veciñal de Oleiros.

Tras conquistar democráticamente o poder municipal comezou un longo stop á invasión da costa. Tras o primeiro Plan Xeral, e tamén nos sucesivos, protéxese todo o que aínda non fóra destrozado, nacen os paseos marítimos, a praia vai recuperándose como espazo público eliminando as concesións e invasións ilegais, e créase o Parque José Martí, auténtico corazón verde de Santa Cristina e onde estaba previsto construir máis bloques de vivendas.

Máis adiante viñeron o parque da Fonte Leocadia, A Fábrica, a continuidade do paseo pola ría, a recente reurbanización da avenida e da rúas Humboldt, Linneo e Darwin e a nova Avenida de Santa Cristina que recuperou gran parte de espazo público para as persoas.

Sorpresaaaaa: Faremos unha ponte para que os pisos das Xubias se vendan mellor

Pero as agresións e ameazas aínda gardaban unha sorpresa da man da Xunta e o PP, co visto bo do Concello da Coruña, que non se dá aclarado sobre qué facer coa rexeneración das Xubias. O que querían era cometer un novo atentado ambiental, creando unha pasarela peonil entre as dúas marxes da ría, provocando novas invasións do espazo natural e sobre todo unha maior presión humana sobre o areal grazas a esa nova canle de paso.

O obxectivo estaba claro: non se buscaba unha solución de mobilidade amable, como parecía significar. O que había de fondo era a revalorización dos predios nos que A Coruña permitirá crear novos barrios entre Oza e A Pasaxe. Non é o mesmo vender un piso a 5 minutos dunha das praias máis espectaculares da ría que dicirlles aos compradores que hai que camiñar un puco máis.

A circulación de bicis e persoas a pé deberá quedar garantida na transformación en marcha da ponte, que permitirá fluxos naturais seguros tamén entre ambas marxes da ría.

A ponte que pretendían construir —valorada en 8 millóns de euros dos que nunca máis se soubo— chocou coa oposición frontal de Oleiros, que puxo por diante a preservación da xenuina natureza da praia e impediu que se fixese ese outro acceso artificial a un lugar xa tan machacado polos embites da especulación.

Rexenerar con agarimo e paciencia

Pero defenderse de especuladores espabilados non é o único xeito de actuar. Tamén hai procesos activos moi interesantes, como o que deu lugar a rexenerar e ampliar o espazo dunar, precisamente no lugar sobre o que se quería facer “aterrar” aquela ponte dos soños húmidos da especulación inmobiliaria.

Baixo a dirección técnica e o bo facer do responsable da infraestrutura verde municipal, David Puñal, Oleiros inicia un proceso lento e teimudo para ir recuperando a natureza dunar, con todo o que conleva de vexetación e microfauna salvaxe. 

O primerio: impedir que nesa ampla zona da punta actúen as máquinas de limpeza mecanizada, algo importante e mesmo arriscado nunha praia de tanta presión humana como Santa Cristina.

Así foi incrementándose a cantidade de area fina que transporta o vento de xeito natural. O lugar vixiábase constantemente e analizábase a cada pouco a súa evolución ambiental. Libremente actuou a natureza sen intervención humana e foise recuperando a vexetación e morfoloxía natural da duna, ampliando a súa superficie e conformando de novo unha contorna do máximo interés ambiental.

O proxecto continuará baixo a atenta mirada do persoal municipal, coas iniciativas que se vaian vendo necesarias para que a natureza siga expresándose como quere, incluso en lugares con tanta presenza humana coma este.

Comparte esta nova!