Senda naval-canide

Apróbase o proxecto da senda entre Naval e Canide

Un treito de 2,5 km que completa todo o litoral e permitirá camiñar toda a costa por espazo público

Completar todo o itinerario marítimo costeiro está máis perto unha vez que foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o proxecto para construir a senda costeira do litoral de Dorneda, entre Naval e Canide. Dous quilómetros e medio que costarán ao Concello pouco máis de dous millóns de euros.

O ano pasado ano xa se aprobara inicialmente un proxecto, pero agora modificouse un pouco para reducir o impacto medioambiental e paisaxístico, limitando a senda a 4 metros en lugar de 6 como estaba contemplado inicialmente. Ademáis, empregaranse pavimentos filtrantes; utilizaranse materiais naturais para o mobiliario e aproveitaranse algúns camiños xa existentes, co que a integración da nova pista será máis agradable para camiñar. Catro metros de ancho considérase unha senda xa bastante ancha, xa que permite unha axeitada mobilidade tanto a pe como en bici.

Está igualmente en marcha o expediente de expropiación para adquirir os terreos necesarios para poder realizar a obra.

Este é un paso máis para facer practicable ese treito costeiro que percorre a parroquia de Dorneda e que supón un itinerario alternativo, ciclopeonil, entre Mera e Santa Cruz, onde conecta con Galeras, Trece Rosas, Bastiagueiro, Nirvana, Santa Cristina, A Pasaxe e todos os treitos de Agramar e o interior da ría, onde dous pequenos segmentos quedan pendentes da resposta de Costas, que os deixou abandonados tras a obra de restauración da ría. Deste xeito, toda a costa de Oleiros será camiñable por terreos públicos.

Comparte esta nova!