Se queres, como cada outono, podemos vernos este domingo día 9 na Feira do Mel en Perillo. Un mercado de produtos naturais que organizamos desde o Concello co mel como estrela convidada. Comercio de proximidade no que os produtores —como tamén pasa en Alfaroleiros— venden directamente o que elaboran.
Por iso montamos esta feira, que xa leva en danza 35 anos. Mel para adozar o outono, para cociñar ou para outros usos máis modernos como o coidado da pel. Mel de Galicia con música de Galicia: o grupo Semente Nova, coas súas gaitas e cantareiras, e a Banda Municipal de Oleiros tocarán a partir das 12:00 horas.
Unha feira na que participan ese ano máis apicultores ca nunca, pois convidouse tamén a quen se achega desde as zonas máis castigadas polos lumes forestais no surleste do país.
Por que dedicamos esforzos a promover este produto tan sinxelo, galego e san? Pois por apoiar a estes profesionais do campo ameazados non só pola globalización que compite cos seus produtos desde moitos lugares do mundo, senón porque a nova alimentación, máis artificiosa e rápida, tamén xoga contra eles. Por se todo iso fose pouco, a ameaza das invasoras velutinas, que nalgún caso extenden o síndrome israelí ao reino animal.
Ven á Feira do Mel, na Pista Polideportiva da Segunda República, en Perillo, e vémonos para mellorar o mundo tamén así!