Ángel García Seoane é proclamado deputado provincial de Alternativa dos Veciños
Os 24 concelleiros e concelleiros de Alternativa dos Veciños no partido xudicial da Coruña elixiron a Ángel García Seoane como deputado provincial no acto celebrado esta mañá na Audiencia Provincial. O alcalde de Oleiros tomará posesión da súa acta de deputado o vindeiro 28 de xuño, no pleno de constitución da nova corporación provincial.
Ángel García Seoane, que xa foi deputado entre os anos 1979 e 1983, desenvolveu un importante traballo durante a pasada lexislatura e conseguiu, entre outras cousas, poñer fin ás prácticas partidistas e de dubidoso sustento legal do anterior presidente Diego Calvo, que chegou a adxudicar máis de 62 millóns de euros a dedo. O presidente de Alternativa dos Veciños promoveu diversos asuntos de alcance provincial, como a posta en marcha dunha investigación científica por parte da Universidade de Santiago para erradicar as velutinas ou un protocolo de colaboración entre municipios para eliminar os plumachos do territorio.
Ante a falta de persoas tituladas para garantir a seguridade nas praias e nas pisicinas públicas, García Seoane conseguiu que a Deputación ofertara cursos gratuítos para a formación de socorristas. O alcalde de Oleiros tamén denunciou a adquisición dunha parcela en Coristanco por 248.000 euros, cando o seu valor de mercado era de 55.000 euros, e o pago de 230.000 euros por unha exposición de coches, cuxo prezo real era de 22.000 euros.