Alternativa dos Veciños logra o compromiso de Fomento para a licitación da obra de Sol y Mar no 2019
O presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, mantivo esta mañá unha reunión co responsable de Estradas do Ministerio de Fomento. O asunto que levou a García Seoane á Delegación de Fomento da Coruña era coñecer a situación das obras pendentes de executar por parte do Ministerio na intersección de Sol y Mar, en Perillo.
O responsable de Estradas informou o alcalde que o proxecto está informado positivamente para a súa aprobación, que debería producirse nos primeiros días do mes de xullo. Unha vez aprobado, debería iniciarse a licitación.
O alcalde de Oleiros insistiu en que a contratación debe facerse no presente ano, ao existir partida orzamentaria suficiente para a licitación da obra, que debe ser realizada como mínimo en 2 exercicios. O custo total desta actuación é de 10,4 millóns de euros.
Finalmente, o responsable de Estradas comprometeuse a que lle notificará a aprobación do proxecto ao alcalde e que, a continuación, licitarase a obra para a súa realización definitiva entre o 2020 e o 2021.