Alternativa volve a reiterar actuacións na DP 2106 en Taramuño-San Vicente de Vigo

As intensas choivas sufridas hai dúas semanas provocaron de novo inundacións que confirmaron a insuficiencia das actuacións realizadas na DP 2106, en Taramuño, San Vicente de Vigo, pola Deputación Provincial.

Alternativa volveu a demandar solucións á Deputación para resolver a problemática que continúa a sufrir a veciñanza do lugar polos problemas de drenaxe da vía provincial.

A magnitude das inundacións foi tal que a propia calzada DP-2106 quedou asolagada e cuberta de lama, xerando unha situación de evidente perigo para a circulación. A presenza de auga e lama sobre a vía provocou derrapes dalgúns vehículos, incrementando considerablemente o risco de accidente na vía.

A pesar de que o pasado mes de marzo se realizaron diferentes actuacións nunha parte do tramo afectado, coas intensas choivas quedou evidenciada que non foi resolta a situación, tal e como apuntou a veciñanza cando se executaron os traballos e que seguen a sufrir os problemas nas súas vivendas a consecuencia de non facer actuacións en todo o treito.

“Non parece razoable que, ante unha problemática coñecida e reiteradamente comunicada,

sexan os propios veciños os que teñan que asumir tarefas de limpeza e desatasco para

evitar ou reducir a entrada de auga nas súas vivendas.” sinalan dende Alternativa.

O grupo requeriu ademáis dos urxentes traballos de limpeza e de roza das marxes e cunetas en condicións , así como a revisión, limpeza e desatasco dos tubos, sumidoiros e elementos de drenaxe.

Tamén insistiron na necesidade dunha actuación de carácter integral como pode ser a canalización e a formación de cunetas de seguridade , tal e como xa os técnicos, despois de visitar a zona se comprometeran a facer no 2025 para dar unha solución definitiva o problema .

Comparte esta nova!