Alternativa defende as súas políticas como ferramentas para mellorar a calidade de vida de Sada
Alternativa dos Veciños celebrou un acto público esta mañá en Sada para presentar o seu programa electoral no municipio. O partido da margarita aspira a mellorar o benestar e a calidade de vida dos e das sadenses a través da aplicación das políticas da Alternativa.
María Nogareda, candidata á alcaldía, comezou destacando a súa vocación de servidora pública. “Sempre tiven claro que o meu é traballar polos demais. Fágoo todos os días no instituto e a partir do 26 de maio vouno facer desde o Concello, co obxectivo de mellorar a vida dos meus veciños e veciñas”, dixo.
Nogareda explicou que pretende impulsar importantes cambios no eido social, cultural e deportivo. “Sada necesita outra programación e variedade de actividades de ocio e chegar a todas as parroquias. Tamén imos volcarnos no desenvolvemento dunhas políticas sociais máis amplas, para prestar o máximo apoio posible ás familias en situación de vulnerabilidade e ás persoas maiores e dependentes”, comentou.
Pola súa parte, o presidente de Alternativa, Ángel García Seoane, explicou a necesidade de lograr unidade entre os alcaldes da comarca para que os proxectos comúns de interese xeral, como poden ser os accesos viarios á cidade, poidan saír adiante. “Os cidadáns o que queren é que as cousas funcionen ben, e en Sada Alternativa dos Veciños pode conseguilo. Somos un partido con 40 anos de experiencia, de traballo, de xestión, de honestidade e esa maneira de actuar é posible aplicala en Sada para beneficio dos cidadáns”, explicou García Seoane.