Alternativa dos Veciños solicita na Deputación a restitución dos semáforos en Sol y Mar
Ante a inexistencia de novidades do Ministerio de Fomento na contratación da obra do túnel de Sol y Mar, o deputado provincial e alcalde de Oleiros Ángel García Seoane vai solicitar que a Deputación restitúa de forma inmediata a rede semafórica para permitir os xiros á esquerda no cruzamento do Sol y Mar. Centos de cidadáns e cidadás están a verse prexudicados pola imposibilidade de incorporarse á N-VI -dirección Madrid- desde a rúa do Areal, tendo que desprazarse ata o outro lado da ponte da Pasaxe para facer o xiro.
“Non imos permitir que se lle siga obrigando aos condutores ir dar volta á Coruña para xirar á esquerda no cruce de Sol y Mar. Como seguimos sen saber nada da contratación desta obra por parte do Ministerio de Fomento, e os semáforos estaban colocados nunha estrada de titularidade provincial, hoxe imos solicitar nunha reunión que temos na Deputación que se volvan colocar tal e como estaban”, comentou Ángel García Seoane.