Foto Montegolf 3

Alternativa solicita ao concello adoptar medidas nos abandonados terreos da segunda fase de Montegolf

Alternativa dos Veciños de Arteixo solicita ao concello adoptar medidas nos terreos da segunda fase de Montegolf, xa que o estado de abandono que presentan son un perigo tanto para a seguridade das persoas como para o medio ambiente.

Os terreos situados na parroquia de Morás, atópanse dende hai anos nun estado de total abandono. Convertéronse noutro dos moitos vertedoiros ilegais que hai no municipio, a esterqueira dalgunhas empresas de construción da comarca, que mesmo descargan todo tipo de entullos de obra a plena luz do día.

Esta segunda fase atópase sen o correspondente cercado e sinalización de prohibición de paso, o que supón un serio perigo para os residentes na urbanización, especialmente para os nenos e nenas, e tamén para os visitantes na zona, xa que nos atopamos ducias de arquetas de sumidoiro sen tapa e de profundidades considerables, varios farois en moi mal estado e a piques de caerse e tamén existen importantes desniveis.

“Mesmo a semana pasada recibiamos a chamada dunha nai da zona, para advertirnos do perigo existente nestes terreos, xa que o seu fillo caeu dentro dunha arqueta e esnaquizou unha perna mentres xogaba”, apunta a representante local de Alternativa no municipio.

Por isto Alternativa dos Veciños solicita que urxentemente se proceda a cercar os terreos e instalar a correspondente sinalización, á retirada dos vertedoiros ilegais existentes e a realización dos traballos de roza da maleza e limpeza.

Novas relacionadas