Froito das queixas recibidas ou da propia observación da obra executada, dende Alternativa dos Veciños de Bergondo facemos unha serie de apreciacións sobre a actuación que Fomento está a levar a cabo en Guísamo, nun tramo de N6 caracterizado previamente pola concentración de accidentes.
Non está no noso ánimo cuestionar o obxectivo que se perseguía (todo o contrario), pero si poñer de manifesto unha serie de aspectos que non entendemos ou que directamente non nos gustan, amén de poñer en coñecemento do Ministerio determinadas queixas veciñais ao respecto.
NOTABLE CARENCIA CON RESPECTO AO PROXECTO ORIXINAL
Antes de ir ao punto concreto para determinar cal é a carencia que detectamos convén aclarar que o proxecto orixinal presentado no seu día a exposición pública e sometido a alegacións foi reformado en determinados aspectos, mais non se puxo en coñecemento do Concello de Bergondo o proxecto definitivo. Así é que xurden cuestións máis “de detalle” e outras -como a que describiremos a continuación que adquiren moita relevancia.
No proxecto orixinal contemplábase a construcción de beirarrúas na curva que circunda un coñecido restaurante da zona. Sendo ademais unha demanda veciñal, para poder pasear e acceder con seguridade a un camiño municipal que existe despois da devandita curva. Non se executaron, polo que a seguridade viaria neste punto brilla pola súa ausencia. E non só iso; o restaurante aludido queda sen saída, ou o que é peor, terá que utilizar para tal fin a entrada da que dispón, unha curva pechadísima e sen visibilidade.

SAÍDA DE CAMIÑO PROPICIA PARA “ENFUCIÑAR” CO VEHÍCULO
A confluencia entre o camiño municipal da fotografía e o carril asfaltado non se resolveu con suavidade. A pendente no punto de entronque é brusca. O cal respresenta un retroceso con respecto á situación previa á obra.

UN DESERTO DE ASFALTO E FORMIGÓN
O ámbito principal da obra (quilómetro 580 e cruce coa estrada autonómica AC164) abarca unha superficie aproximada de 1,25 hectáreas. Unha extensión enorme na que non se a plantacion de ningunha árbore, arbusto ou planta. Non se tivo en conta este aspecto nin se pensou en ningunha medida de humanización. Nin no corpo central da gloerieta (de diámetro de espazo máis ca xeneroso) nin en ningún dos enormes illotes (isletas) que se contruíron (en algún ben se podería encaixar unha cancha de fútbol sala) se procurou poñer algún elemento verde natural.

MEDIANA DE FORMIGÓN E “PROTECCIÓN” DO MESMO MATERIAL EN ZONA URBANA
A solución adoptada, consistente na construcción dunha longuísima mediada de formigón, así como a protección instalada na glorieta do cruce coa estrada de Cambre (xa en zona urbana) parécenos do máis cuestionable. É máis, moito nos tememos que se estarían a vulnerar normativas de impacto paisaxístico ou visual. Acaso non existían outras alternativas menos agresivas visualmente?

AUSENCIA DE PUNTOS DE CRUCE PARA OS PEÓNS
Non existe, en toda a enorme superficie ocupada pola rotonda grande un só punto onde os viandantes poidan cruzar con unha mínima seguridade. Obrigándoos a percorrer unha longa distancia se o queren facer. Neste sentido resulta destacable o punto de confluencia entre a N6 e a AC164, no que non existe un lugar no que poder cruzar dende ou ata a senda perimetral do polígono de Bergondo (a cal acondicionará en breve o Concello de Bergondo).

PARADA DE BUS NUN CARRIL
A solución de pintado escollida non semella a máis aconsellable. A zona de parada do autobús de liña debería estar perfectamente delimitada e ser allea aos carrís de subida. Este pintado vai xerar problemas e quizais accidentes.

PINTADO DE VÍA QUE ENTORPECE O ACCESO A NEGOCIOS
Outra cuestión que non se tivo en conta é a incomodidade que se lle crea a algún negocio ao obrigalo a dar rodeos ou facer cambios de sentido en propiedades privadas ante a imposibilidade de traspasar liñas continuas dun enorme illote pintado

Habería máis aspectos a destacar, como por exemplo a reducción de prazas de aparcamento (sen estudar alternativas á perda) ou a concentración de sinais verticais en algún que outro punto (o cal entorpece o tránsito do peón).
Por todo o exposto solicitamos á dirección de obra e aos responsables de Fomento que estuden con atención os detalles da obra levada a cabo e tomen as medidas correctivas ás que haxa lugar. Un investimento tan grande non pode quedar a medias nin é bo que para solucionar un problema se xeren outros.