deputacion-mocion-edificio

Alternativa presentará unha moción na Deputación esixindo ao Estado a contratación das obras da comarca incluídas nos Orzamentos Xerais para 2018

O grupo presentará na Deputación da Coruña unha moción reclamando ao Estado a contratación das obras da comarca da Coruña incluídas nos últimos Orzamentos Xerais do Estado aprobados, entre as que se inclúen, para o 2018, a ampliación da Avenida de Alfonso Molina (3 millóns de euros), o túnel de Sol e Mar (4 millóns de euros), a ampliación da Ponte da Pasaxe (295.000 euros), o Vial 18 (3 millóns de euros) ou o dragado da Ría do Burgo (1 millón de euros en 2018).

Ángel García Seoane, voceiro do grupo provincial de Alternativa dos Veciños, anuncia nunha intervención radiofónica que solicitará o apoio dos grupos da Deputación para reclamarlle ao Estado que cumpra cos últimos orzamentos aprobados e contrate as obras da área metropolitana que tantos anos se levan reclamando. «Estamos rematando este ano 2018 e non hai previsións de que as obras incluídas nos últimos orzamentos aprobados vaian ser unha realidade, de feito parece que nin sequera haberá Orzamentos Xerais para o ano que vén. Polo tanto, Alternativa vai presentar na Deputación unha moción para que o estado contrate xa as importantes obras que foron incluídas nos últimos orzamentos para os concellos da comarca da Coruña. Estas obras pendentes son: a ampliación da Avenida Alfonso Molina, o túnel do Sol e Mar, a ampliación da Ponte da Pasaxe e o dragado da Ría do Burgo, que tantos anos levamos agardando ante a pasividade do Estado», anuncia García Seoane na intervención radiofónica.

Novas relacionadas