Alternativa dos Veciños propón un Plan de Dinamización Comercial para Cangas do Morrazo cun enfoque integral, colaborativo e sostible. O plan vai dirixido a todos os sectores representados na Mesa Local de Comercio: pequeno comercio de proximidade, hostalaría, praza de abastos, ocio nocturno, sector produtivo e artesanal e asociacións empresariais e veciñais.
A proposta estrutúrase arredor de cinco eixos principais, pero introduce un enfoque transversal moi destacado: a necesidade de coordinar as accións comerciais cos momentos de maior dinamismo social, como actividades culturais, deportivas, familiares e de lecer, aproveitando así a afluencia de público e xerando un maior impacto económico.
Ademais, o plan destaca a importancia da seguridade e da convivencia nas zonas comerciais, especialmente en eventos e períodos de maior actividade; a activación da Mesa Local de Comercio como espazo estable de traballo e aposta pola planificación a medio prazo, cun sistema de seguimento e avaliación.
Tamén se propoñen accións de baixo custo e gran visibilidade, como campañas de fidelización ou mellora da identidade visual, así como a participación activa de todos os sectores implicados no deseño e execución das accións.
Esta proposta pretende deixar atrás a improvisación e as accións illadas, ofrecendo unha estratexia sólida, consensuada e orientada ao ben común do tecido económico local, reforzando tamén o seu vínculo coa vida social, cultural e familiar de Cangas.