Alternativa dos Veciños propón a instalación do Museo do Coche nos terreos do Porto
Entre as propostas finalistas do concurso de ideas para os terreos liberados nos peiraos interiores do Porto hai varias relativas ao ámbito do transporte (rede ferroviaria, intercambiador metropolitano…), pero un dos equipamentos esquecidos é o Museo do Coche.
No 2009, o goberno PSOE-BNG xa pretendía a cesión de máis de 100.000 m² no Parque de Bens para un Museo da Automoción e Historia da Fundación Jorge Jove, aínda que o convenio non foi asinado ata o 2015, co goberno do PP antes de perder as eleccións. O goberno da Marea rexeitou o proxecto, alegando necesidade de zonas verdes. No 2016 ofreceu unha parcela alternativa duns 7.000 metros cadrados no Polígono da Grela, que a fundación non considerou axeitada. Afortunadamente a discrepancia non pasou ao plano xudicial.
Estamos a falar dunha colección de máis de 350 vehículos de época, moi ben conservados e cun alto valor patrimonial. Unha adecuada musealización dos mesmos podería ser un magnífico reclamo para visitantes, pero para iso é preciso un emprazamento que facilite a visita. Nin o Parque de Bens nin o Polígono da Grela resisten a comparación cun emprazamento céntrico nos terreos revertidos do Porto (80.000 m2 nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, 500.000 m2 no de San Diego). Como apunta Gema Neira, experta en mobilidade urbana e número 2 da candidatura de Alternativa dos Veciños na Coruña: “Alternativa non só propón unha musealización senón unha modernización dese equipamento cultural”.
Xunto coa exposición permanente de coches históricos, as instalacións disporían dunha Biblioteca da Automoción e unha sala multiusos (aula, proxección de documentais e filmes sobre o automóbil, educación viaria…), para incentivar tanto o turismo xeral como as visitas guiadas de escolares. Pero, tamén disporían dunha sala de exposición para vehículos de última xeración (por exemplo, coches eléctricos), que se alugaría ás empresas privadas interesadas, revertendo os ingresos no mantemento do museo. O Museo do Coche da Coruña, mediante esa colaboración público-privada, acabaría por converterse nun referente urbano de primeiro nivel.