Alternativa propón contedores intelixentes para mellorar o servizo e reducir gastos
O Concello da Coruña vai proceder á licitación do subministro de contedores e do servizo de recollida de lixo. Cando outras cidades contan xa con contedores intelixentes, A Coruña vai continuar gastando case dous millóns de euros anuais en contedores desfasados.
“Puidose ter utilizado a Smart City para dotar á cidade de contedores con sensores que aportasen datos sobre o seu estado en tempo real. Hai que pasar dunha recollida con planificación fixa a unha recollida con planificación dinámica, a unha recollida intelixente, a que o propio contedor demande a recollida no momento oportuno, aforrando costes e evitando molestias aos veciños”, comentou o candidato de Alternativa dos Veciños Pedro Armas. Basta cun sinxelo dispositivo hardware, que mida o grao de enchedura, e cunha plataforma software, que visualice e xestione os datos. Estes sensores poderían aforrar máis do 50% dos costes asociados á recollida.
Os sensores, de baixo consumo e moi duradeiros, terían os contedores xeolocalizados en tempo real. Ademais de aportar datos sobre o seu estado de enchedura, permitirían minimizar os danos por actos vandálicos, desbordamentos ou incendios, posto que incorporan detectores de movemento e termómetros. Optimizando as rutas, diminúen substancialmente os gastos de mantemento dos camións de recollida, as emisións contaminantes destes vehículos, os atascos e ruídos derivados da súa excesiva circulación.