Se no pleno de investidura á alcaldía de Cambre ningún candidato ou candidata acadara a maioría necesaria, Alternativa dos Veciños propón crear unha comisión xestora ata as próximas eleccións con representación de todos os partidos políticos. Trataríase de pactar inicialmente aquelas cuestión xerais máis importantes para desatascar o funcionamento dos servizos públicos e o conxunto da actividade social, cultural e deportiva do Concello.
Alternativa dos Veciños terá a man tendida para formalizar calquera pacto que beneficie á cidadanía de Cambre, pois calquera outra solución cun Goberno en clara minoría sería afondar máis nos problemas actuais. Os veciños e veciñas non poden seguir sufrindo máis tempo as consecuencias da falta de entendemento e intereses dos representantes políticos.
PSOE e BNG participaron como socios de Goberno en distintas áreas de xestión, polo que son tan responsables como UxC da situación á que se chegou. Hai que buscar solucións e non obstáculos. De seguir así, quen realmente seguirá a sufrir as consecuencias será o pobo de Cambre, os traballadores municipais, as obras públicas e as empresas de servizos e subministracións.
Desde Alternativa dos Veciños denunciamos con contundencia as irregularidades que se estaban comentendo e que, por desgraza, acabaron por confirmarse nos últimos tempos. Co cambio na alcaldía comprometímonos a colaborar para reactivar a actividade do Concello pero a actitude destrutiva de PP, PSOE e BNG de acoso e derribo impediuno, causando graves consecuencias coñecidas polo conxunto da opinión pública.