A conservación e a funcionalidade do paseo fluvial non está á altura da súa importancia social e ambiental. Tendo en conta o valor ecolóxico e o uso intensivo que fan as persoas do espazo, Alternativa considera urxente avanzar nun plan integral de mellora de infraestructuras e dinamización do paseo fluvial.
A proposta integra as suxestións recollidas tanto de veciñanza, como persoas visitantes que fan uso do paseo fluvial, incluíndo diferentes áreas de actuación:
- Acondicionamento e mantemento das sendas peonís.
- Rehabilitación da contorna do muíño de Peiraio.
- Reparación da ponte de madeira da Barcala na zona dos Muíños.
- Creación dunha área pública de lecer, con mobiliario para o descanso, a actividade social e a práctica deportiva.
- Mellora das zonas de aparcamento.
- Actuacións para a seguridade viaria, especialmente no cruce na AC-214 á altura da Telva, que carece de paso de peóns nin sinalización.
- Maior atención ao coidado medioambiental, principalmente no caso de verteduras de fincas lindeiras e especies invasoras.
- Dinamización cultural, educativa e turística.
Alternativa solicitará que se faculte á alcaldesa para realizar todas as xestións necesarias ante as diferentes administracións e convocatorias de subvencións, co obxectivo de facer realidade esta proposta.