Alternativa dos Veciños pide o voto para seguir incrementando equipamentos e servizos no Concello de Bergondo
A pasada medianoite comezou a campaña das eleccións municipais. Alternativa dos Veciños preséntase no Concello de Bergondo co obxectivo de incrementar a súa representación na corporación para incrementar os servizos e equipamentos públicos e poder seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas, como levan facendo Juan Fariña e Eloy Babío desde a súa entrada no Goberno municipal.
Con Juan Fariña como candidato, Alternativa conta cun programa electoral no que se inclúen máis de 70 actuacións concretas para as 9 parroquias, centradas en boa parte na mellora da seguridade viaria. Outro dos grandes retos é impulsar a Área Metropolitana, para acadar aquelas melloras a nivel de infraestruturas e servizos públicos que se atopan nunha situación precaria en toda a comarca polo desgoberno e a desidia dos principais partidos políticos, como é o caso das necesarias melloras na N-VI ao seu paso por Guísamo.