Alternativa propón á Deputación que esta entidade provincial lidere a reclamación xeralizada entre os concellos de que a Xunta financie os costos dos Servizos erivados da Lei de Dependencia e os de Atención Domiciliaria, que son responsabilidades do goberno autonómico que este delegou nos municipios.
“Mentres a Xunta de Galicia ostenta a competencia exclusiva en políticas sociais, son os concellos os que, na práctica, sosteñen o sistema. A administración autonómica limítase a transferir unha contía por hora que non cobre, nin de lonxe, o custo real que os concellos pagan ás empresas prestadoras ou ao persoal propio”. Así de contundente é a moción presentada por Alternativa na Deputación para que a Xunta aporte o 100% do importe para cubrir a súa propia competencia, sen que os concellos teñan que suplementar recursos, detraéndoos das súas propias competencias como Deportes ou Cultura, por citar algunhas.
A moción fai tamén referencia ao acordo entre a Xunta e a Fegamp, que “non fixo máis que oficializar unha inxustiza”. Ese convenio que establece para o 2028 unha aportación da Xunta de Galicia de 18 euros/hora, non cubrirá o 100% do custo do SAF, que neste momento xa está en 24 euros/hora e que con toda seguridade se verá incrementado proximamente de forma considerable. Aceptar migallas mentres as arcas municipais se baleiran para exercer competencias autonómicas é un erro que non podemos permitirnos por máis tempo.
Ante este panorama, Alternativa propón reclamar da Xunta o 100% do importe e crear unha oficina de asesoramento técnico-xurídico para levar adiante unha acción xudicial para reclamarlle á Xunta unha financiación adecuada da Dependencia.