Alternativa dos Veciños insiste na necesidade do acceso ao porto de Lorbé
A vía Ártabra é unha infraestrutura viaria ideada para comunicar os concellos da comarca da Coruña, desde Lorbé ata A-6, na Rocha. A Xunta de Galicia executou xa varias fases deste proxecto, deixando sen facer os últimos 200 metros de conexión co porto de Lorbé, onde estaba prevista a creación dun aparcadoiro para mellorar os actuais accesos principalmente para camións de carga e descarga e dotar de mellores servizos os mariñeiros e persoas usuarias en xeral.
A Xunta de Galicia prometeu, en diversas ocasións, a creación desta infraestrutura para a que xa dispón dos terreos que foron expropiados antes do inicio das obras da vía Ártabra. Ademais, dáse a circunstancia de que o proxecto contempla a instalación dun bombeo de augas residuais para evitar que as poucas casas que hai na zona e as empresas vertan directamente ao porto.
O Concello de Oleiros vai reclamar unha vez máis á Xunta de Galicia que contrate esta obra. A Consellería do Mar debe actuar de inmediato para acabar coas verteduras na zona portuaria e crear os aparcadoiros.