Alternativa leva de novo a pleno a seguridade cidadá
No pleno de mañá Alternativa dos Veciños leva de novo a preocupación de veciños e veciñas de Cambre respecto a seguridade viaria e cidadá.
Son varios os sucesos das últimas semanas que levaron Cambre ás portadas de prensa, a máis recente unha agresión no Temple, pero tamén os atropelos en días anteriores.
Alternativa xa solicitou no mes de Setembro medidas de seguridade para os diferentes puntos negros de accidentes e atropelos do Concello, en xullo demandáronse políticas contra o vandalismo xuvenil e no pasado mes de novembro unha solicitude de ampliación da plantilla de policías locais.
A veciñanza demanda que se tomen medidas urxentes ante o vandalismo, especialmente presente nas zonas máis urbanas (Temple, Barcala e Cambre), e tamén medidas para paliar a inseguridade viaria nalgúns puntos negros do Concello.