O grupo demanda unha adecuación á normativa vixente, xa que este borrador pretende regular un órgano de participación cidadá municipal (CEM) reproducindo, de forma incorrecta, a normativa propia do goberno interno dun centro educativo. Esta transposición errónea de conceptos sitúa o regulamento fóra do marco legal autonómico.
Alternativa advirte que o documento presenta diversas carencias relevantes. Entre elas destaca a ausencia dunha definición clara do Marco Legal, problemas na proporcionalidade da composición do órgano, falta de autonomía na representatividade das familias, erros no cómputo do mandato e estabilidade do órgano, así como a indefinición da sede.
Ademais, o texto vulnera o dereito de asistencia e información da corporación municipal, nos establece prazos de urxencia para sesións extraordinarias e carece de aspectos básicos como a determinación da vixencia do regulamento ou o protocolo de entrada en vigor.
Alternativa considera fundamental corrixir estes aspectos para garantir que o CEM se constitúa como un órgano útil, representativo e plenamente axustado á realidade.