Alternativa dos Veciños (AV) celebra hoxe o que cualifica como unha “vitoria técnica da veciñanza” tras coñecerse o novo informe da Secretaría da Mancomunidade do Morrazo.
O documento dá a razón ás alegacións presentadas por AV, admitindo que o procedemento de aprobación inicial da nova ordenanza do lixo pola Xunta de Goberno era xuridicamente dubidoso e debe ser sometido ao debate da Asemblea Xeral.
Desde AV denuncian que a Mancomunidade, nun exercicio de opacidade, tentou validar unha norma que impón multas de ata 2.000 € e obriga á compostaxe individual sen pasar polo órgano onde reside a representación de todos os concelleiros da comarca.
“O Artigo 5.b dos Estatutos é taxativo: as ordenanzas apróbaas a Asemblea. O que intentaron facer foi un atallo para evitar o debate democrático”, sinala a concelleira Victoria Portas.
AV critica duramente que a Mancomunidade anunciara esta decisión aos medios de comunicación antes de notificar oficialmente aos grupos e colectivos que presentaron alegacións.
“É inaudito que teñamos que decatarnos pola prensa de que se nos dá a razón parcialmente. Isto demostra que o ‘diálogo’ do que presumen hoxe é puro márketing para tapar unha tramitación levada con ‘discreción’ e de costas á xente”, denuncian desde o grupo.
Pese a este cambio de rumbo no órgano de aprobación, Alternativa dos Veciños advirte que a ordenanza segue a ser un ataque directo ao peto e aos dereitos dos veciños:
- Dobre castigo: Mantense a “trampa” da compostaxe, que se presenta como bonificable pero a ordenanza técnica convértea en obrigatoria baixo ameaza de multa.
- Inviabilidade técnica: A propia administración admite que esixe requisitos de control (como as 48 achegas anuais) que recoñece non poder verificar en 2026 por carecer de medios.
- Falta de medios: É imposible esixir separación de orgánica cando a Mancomunidade só dispón de 42contedores marróns para máis de 57.000 habitantes.
- Afán recadatorio: Pasase directamente á multa de ata 2.000 € por erros domésticos sen contemplar o aviso previo ou “apercebimento”.
Alternativa dos Veciños esixe que este novo paso pola Asemblea non sexa un mero trámite burocrático para “lavar a cara” ao texto actual.
O grupo demanda o reinicio real do proceso, cunha campaña informativa parroquia por parroquia e a eliminación das cláusulas que sitúan aos veciños nunha situación de total inseguridade xurídica.
“Non imos permitir que se valide un modelo que traslada todo o traballo e o risco de sanción ao cidadán para que a Mancomunidade aforre custes de recollida a custo cero”, conclúe Victoria Portas.