Alternativa dos Veciños solicita reunión coa Sareb e o IGVS para recuperar as vivendas da Regueira para alugueiro social

O grupo municipal Alternativa dos Veciños no Concello de Cangas vén de solicitar formalmente unha reunión coa Sareb e co Instituto Galego da Vivenda e Solo co obxectivo de explorar vías que permitan a incorporación das vivendas da Regueira ao parque público de alugueiro.

Esta iniciativa prodúcese tras coñecerse que a subasta destas vivendas quedou deserta, permanecendo os inmobles en mans da Sareb. Para Alternativa dos Veciños, esta situación abre unha oportunidade que o Concello de Cangas non pode permitir perder.

Desde o grupo municipal lembran que levan anos traballando nesta liña. Xa en 2022 presentaron un Plan de Vivenda no que se contemplaba a recuperación da urbanización da Regueira como unha bolsa de vivenda accesible para mocidade e familias. Posteriormente, en marzo de 2024, insistiron nesta necesidade mediante unha moción plenaria e moción que se reitetou no ano 2026 que apoio da veciñanza.

“Non estamos ante unha proposta nova, senón ante unha oportunidade real de levar á práctica o traballo que vimos defendendo desde hai anos”, sinalou a concelleira Victoria Portas.

Alternativa dos Veciños destaca que Cangas sofre unha grave dificultade de acceso á vivenda, cun mercado de alugueiro tensionado e prezos que dificultan a emancipación da mocidade e a permanencia da veciñanza no municipio.

Neste contexto, consideran que as vivendas da Regueira, actualmente inacabadas, poden converterse nun recurso clave para crear unha bolsa municipal de alugueiro accesible.

A solicitude de reunión ten como finalidade coñecer a situación real dos inmobles, analizar posibles fórmulas de colaboración —xa sexa mediante cesión, adquisición ou convenio— e estudar vías de financiamento para a súa rehabilitación.

Desde Alternativa dos Veciños critican a falta de iniciativa do goberno municipal ante esta situación e advirten de que “se non se actúa con rapidez, estas vivendas acabarán no mercado privado, perdéndose unha oportunidade histórica para Cangas”.

“O que está en xogo non é un proxecto urbanístico, senón a posibilidade de que a xente nova poida vivir no seu propio pobo”, concluíu Portas.

“El trabajo es la clave del éxito, pero la perseverancia es la llave maestra”, Anónimo.

Comparte esta nova!