Alternativa solicita á Deputación que os 318 millóns que ten nos bancos se poñan a disposición do Estado e dos municipios
Recentemente, o pleno da Deputación da Coruña acordou aprobar a liquidación de gastos e ingresos do 2019. Na documentación presentada polos servicios técnicos económicos da área da Facenda provincial acredítase un remanente de tesourería de 318.217.966,77 €, parte do cal está afectado por dereitos recoñecidos e obrigas netas, desprendéndose da documentación aportada un remanente de tesourería dispoñible de 70.828.157,14 €, ademais dun superávit de 22.245.874,79 €.
É dicir, a Deputación ten nos bancos 318.217.966,77 € polos cales a banca, no caso dos remanentes comprometidos, estaría a abonar un xuro dun 0,15%. No caso do remanente dispoñible 70.828.157,14 €, ademais de non percibir ingreso algún, a Deputación págalle ás entidades financieiras un 0,50 %, o que supón un desembolso para as arcas de 354.140 € anuais.
Ante esta situación, Alternativa dos Veciños propuxo á Deputación e presentará unha moción no próximo pleno da corporación provincial coas catro seguintes propostas:
1.- Retirar o diñeiro inmobilizado dos bancos e ingresalo na caixa forte provincial.
2.- Que a Deputación preste crédito sen xuros aos concellos que necesiten sanear a súa economía e poidan afrontar os servizos básicos aos que están obrigados por lei.
3.- Que parte do remanente comprometido dos 318.217.966,77 € se xestione en bonos do Estado con prazos que non comprometan financiar os compromisos provinciais, igual que fixo con unha entidade bancaria por 24 meses.
4.- Que co superávit do 2019 se incremente o apoio ás corporacións locais e á área de Obras Públicas (estradas) da Deputación.