Alternativa dos Veciños reclama un plan de vivenda para que vivir na Coruña non sexa un luxo

A formación pide que se actualice o inventario municipal de bens inmobles e que se estude as posibilidades para crear unha bolsa de alugueiro accesible.

Alternativa dos Veciños volve poñer enriba da mesa un dos problemas que máis preocupa á veciñanza da Coruña: o acceso á vivenda. Os alugueiros seguen subindo, a oferta é escasa e cada vez son máis as familias e a xente nova que non pode quedar no barrio onde creceu.

A actualización tanto o número de viviendas, como o seu estado actual, sería un primeiro paso para permitir facer un estudo para o seu acondicionamento e poder destinalas a alugueiro accesible, priorizando á mocidade, ás persoas maiores e ás familias con menos recursos. A formación tamén reclama unha mellor coordinación coa Xunta para axilizar a construción de vivenda pública na cidade.

Desde a formación lembran que este non é un problema novo. Hai anos que se fala del, pero as solucións seguen sen chegar ao ritmo que a cidade necesita. Mentres tanto, moitos veciños e veciñas destinan boa parte do seu soldo a pagar un piso, e outros vense obrigados a marchar á área metropolitana.

O candidato á Alcaldía, Óscar Roca Roca, explica que coñece o problema de preto. «Teño 44 anos e son de Monte Alto. Vin como amigos e veciños de toda a vida tiveron que marchar porque non podían pagar un alugueiro. Non quero unha Coruña na que quedar no teu barrio, preto da túa familia, sexa un privilexio. Iso non é unha cidade para a xente, é unha cidade para quen pode pagala», sinala.

Roca engade que levar máis de doce anos no movemento asociativo ensinoulle que as solucións non se deseñan nun despacho. «Hai que escoitar ás asociacións veciñais, que son as que saben onde hai baixos pechados, edificios abandonados e familias con dificultades. Non imos prometer milagres, pero si traballo serio e prazos que se poidan cumprir».

Comparte esta nova!