Para entender a verdadeira razón pola cal o goberno de España sacou do caixón un proxecto coma o do bypass de Infesta é preciso botar a vista algo atrás no tempo e revisar certa documentación. Non foi casualidade a “resurrección” do proxecto nin tampouco responde tal circunstancia a un interese especial que o goberno puidese ter polo mesmo. Vexamos: en 2023 a María Jesús Montero (por parte do PSOE) e Ana Pontón (por parte do BNG) asinaban un acordo (pinchar para ver completo) polo cal as do BNG se comprometía a dar o seu voto favorable á investidura de Pedro Sánchez e este, pola súa banda, se comprometía a impulsar unha serie de demandas dos nacionalistas.
Nese documento, nos seus puntos 8.e e 8.f, ponse de manifesto con claridade que para o BNG o baipás de Infesta é unha prioridade. Por outra banda, e a teor das instruccións e dos prazos que se indican no texto, semella claro que o goberno está a cumprir co compromiso adquirido coa formación frontista. Co cal cabe deducir que non sería descabellado concluír que o goberno está en disposición e mesmo en prazo para dar cumprimento á petición de que as obras estean en execución antes de rematar a presente lexislatura en 2027.

Xa que logo non é este un estudo ou proxecto ferroviario máis dos múltiples que o goberno ten en fase de planificación. Hai un forte trasfondo político influíndo para que os ritmos na tramitación do mesmo se aceleren por necesidades de índole estritamente política.
Entendemos perfectamente que o BNG (a nivel xeral) queira ver cumpridos os seus obxectivos e que esixa ao PSOE aquilo co que estes se comprometeron. Tamén entendemos que o BNG de Betanzos queira ver solucionado un problema que lexitimamente consideran unha prioridade para o seu municipio. En definitiva, que o PSOE tente cumprir cos seus compromisos e que o BNG reclame tal cumprimento parécenos lóxico. Agora ben, o que non entendemos e ademais nos produce moita mágoa é a actitude do BNG de Bergondo con respecto a este asunto. O pasado martes 28 de outubro dita formación non asistiu á concentración convocada polo Concello, sendo o único partido ausente no acto. A escusa manifestada por eles foi a do horario marcado. Tamén chegaron a insinuar que non foran informados da convocatoria, o cal é mentira, xa que foron avisados pola alcaldesa practicamente no mesmo momento en que se facía pública a convocatoria. E dicimos escusa porque todas as pezas encaixan; posición ambigua do voceiro no pleno de novembro de 2024 con obxecto da declaración institucional que os partidos de Bergondo asinamos para opoñernos ao trazado elixido polo Ministerio, ausencia de manifestacións públicas sobre un tema tan importante para o futuro de Cortiñán e en xeral silencio verificable acerca deste asunto. Polo tanto a súa ausencia da manifestación non é máis ca un capítulo máis que corrobora a falta de compromiso co pobo ao que din representar, posicionándose con pasividade ou asumindo como propios intereses que non son os de Bergondo. Non poden ser claros con algo tan grave? Non lles deixan? Sae deles mesmos comportarse deste xeito? Sexa cal sexa a resposta o certo e verdade é que unha formación política así non resulta útil para Bergondo, e Bergondo non merece representantes desa natureza na corporación local.
O que pedimos ao Goberno de España dende Alternativa dos Veciños non é máis que o pausado do estudo en tramitación. Que se estude con calma e obxectividade a proposta achegada por Bergondo, con un trazado alternativo moito menos daniño para Cortiñán. Solicitamos que esa reflexión se faga sobre o terreo, para o cal pedimos que persoal técnico do Ministerio visite a zona e verifique in situ as vantaxes da alternativa 5S proposta por Bergondo. Acompañarémolos gustosos. Non estamos en contra das melloras na rede ferroviaria, pero si estamos totalmente en contra de que esas melloras se leven a cabo a costa de destrozar unha das nosas parroquias.