Alternativa dos Veciños pide á mancomunidade a que rectifique a ordenanza do lixo por considerar que contén medidas de difícil aplicación para a maioría da veciñanza e os negocios

Alternativa dos Veciños vén de presentar un novo bloque de alegacións á Ordenanza reguladora do servizo de xestión integrada dos residuos da mancomunidade do Morrazo.

Tras unha análise detallada do texto, AV considera necesario introducir modificacións para evitar que a futura ordenanza xere máis cargas para a veciñanza, o comercio e a hostalaría que solucións para a xestión dos residuos.

As alegacións presentadas non cuestionan a necesidade de mellorar a reciclaxe nin de cumprir coa normativa ambiental. O que poñen de manifesto é que existen medidas que consideramos desproporcionadas, de difícil aplicación e que deberían revisarse antes da aprobación definitiva.

Entre outras cuestións, AV solicita modificar as obrigas impostas aos establecementos hostaleiros e comerciais para o almacenamento e retirada dos colectores; revisar o sistema de bonificacións, que resulta excesivamente burocrático; corrixir o tratamento dos locais sen actividade; aclarar o alcance das facultades inspectoras e evitar que determinados sectores teñan que asumir novos custos sen unha xustificación suficiente.

Ademais, as alegacións tamén inciden na necesidade de que a ordenanza ofreza maior seguridade xurídica e respecte os principios de proporcionalidade e boa regulación, garantindo que as obrigas impostas aos cidadáns sexan realmente asumibles e acordes coa realidade do Morrazo.

Alternativa dos Veciños considera que a protección do medio ambiente debe ir da man dunha normativa equilibrada, viable e consensuada. Desde Alternativa dos Veciños defendemos que a mellor forma de incrementar a reciclaxe non é multiplicando as sancións, senón facilitando o cumprimento da norma, dotando á cidadanía dos medios necesarios e aplicando criterios de proporcionalidade, información e colaboración.

A protección do medio ambiente é unha responsabilidade compartida, pero tamén o é elaborar normas claras, xustas e aplicables. Por iso pedimos á Mancomunidade que estime estas alegacións e aproveite a aprobación definitiva da ordenanza para corrixir aqueles aspectos que poden xerar inseguridade xurídica, máis cargas para a veciñanza e novos problemas para o tecido comercial e hostaleiro do Morrazo.

“Unha boa ordenanza non é a que máis prohiben nin a que máis sanciona; é a que consegue que a cidadanía recicle máis porque é clara, proporcionada e fácil de cumprir. Iso é o que defendemos desde Alternativa dos Veciños.”

Comparte esta nova!