Alternativa dos Veciños presenta unha moción na Deputación para acabar coa contaminación no río Brexa

QUENLLO

Alternativa dos Veciños presenta unha moción na Deputación para acabar coa contaminación no río Brexa

Alternativa dos Veciños vai presentar no próximo pleno da Deputación da Coruña unha moción para que se lle conceda unha subvención nominativa de 120.000 euros ao Concello de Carral para poder contratar de inmediato o proxecto de obra da nova depuradora EDAR DO QUENLLO, para poder cumprir cos prazos establecidos polo Ministerio de Transición Ecolóxica para acceder aos fondos europeos Next Generation do programa de Axudas para a transición xusta e acadar os 4 millóns de euros necesarios que permitirían acabar co grave problema de contaminación existente en Carral, e que afecta a toda a comarca da Coruña.

O Concello de Carral ten un grave problema de contaminación no río Brexa, afluente do río Mero e que á súa vez desemboca na ría da Pasaxe. A causa deste grave problema medioambiental e de saúde pública débese ao non funcionamento da depuradora EDAR O QUENLLO, que leva máis de 11 anos totalmente obsoleta debido a que os anteriores responsables do Goberno municipal abandonaron por completo a instalación e o seu mantemento.

A nova depuradora, imprescindible para acabar coa actual contaminación que afecta ao río Brexa, ao río Mero e á ría da Pasaxe, acada un importe de 4 millóns de euros. Un concello como Carral, cun importante débeda económica herdada de anteriores Gobernos municipais e cun orzamento para o ano 2021 de 5,8 millóns, non ten capacidade de asumir este gasto.

Ante a posibilidade de optar a fondos europeos Next Generation para financiar esta obra, o Goberno municipal de Carral dirixiuse a responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica que comunicaron a posibilidade de conquerir os cartos necesarios sempre e cando sexa presentada unha solicitude en prazo inmediato, xustificando a necesidade da depuradora e incluíndo o correspondente proxecto construtivo. Os fondos procederán das Axudas para a transición xusta, que está previsto que se convoquen no mes de maio, tendo 2 meses para presentar os proxectos.

Novas relacionadas