Alternativa dos Veciños presenta unha moción na Deputación en defensa da vía Ártabra

Miguel Ares

Alternativa dos Veciños presenta unha moción na Deputación en defensa da vía Ártabra

Alternativa dos Veciños vai presentar no pleno da Deputación da Coruña que se celebra mañá venres unha moción en defensa da vía Ártabra. Alternativa solicitará o apoio dos distintos grupos políticos para demandar da Xunta de Galicia a urxente subsanación dos erros administrativos que provocaron as sentencias xudiciais que paralizaron a obra, que se contraten novamente as obras no prazo máis breve de tempo e que se proceda á redacción do proxecto para darlle continuidade á vía Ártabra desde a AP-9 ata a A-6.

O Goberno galego estaba a realizar a conexión da Ártabra desde a N-VI ata AP-9, na Gándara, pero foi paralizada por sentencia xudicial debido a erros administrativos na contratación. Esta situación provoca un forte retraso na execución de tan importante infraestrutura pública comarcal e un importante encarecemento das obras, o que supón un grave prexuízo que atenta contra o interese xeral da comarca e o erario público.

A irresponsabilidade do Concello de Cambre, que se opón aos proxectos contratados polos intereses particulares dun afectado polo ramal de conexión coa AP-9 na Gándara, pretende que se inicie un novo proxecto para a vía Ártabra e que se anulen os aprobados pola Xunta de Galicia, o que ocasionaría unha demora de outros vinte anos na creación de tan necesario vial para a comarca da Coruña.

Novas relacionadas