Alternativa dos Veciños expulsa ao concelleiro de Arteixo Antonio Patiño
Alternativa dos Veciños comunicou ao Concello de Arteixo a expulsión do concelleiro Antonio Patiño Pérez. O presidente de Alternativa, Ángel García Seoane, o secretario xeral, Felipe Louzán, e o coordinador local, Juan Francisco Martínez, explicaron en rolda de prensa a gravidade dos motivos que abocaron aos órganos de dirección a adoptar esta decisión.
Desde a súa toma de posesión na corporación municipal, Antonio Patiño adoptou un comportamento egoísta e prepotente, ignorando aos simpatizantes de Arteixo e á dirección do partido e incumprindo o principal compromiso do programa electoral de Alternativa dos Veciños: realizar unha oposición firme e construtiva. Ao longo destes meses amosou unha completa despreocupación polos asuntos de interese municipal, non asistiu a plenos, negouse a reunirse con varias asociacións e clubs, non quería presentar mocións, desprezaba aos compañeiros e compañeiras nas asembleas locais,… o que acabou provocando que a inmensa maioría das persoas que forman Alternativa dos Veciños en Arteixo solicitasen a súa dimisión por escrito á presidencia do partido.
A partir dese momento, o presidente de Alternativa dirixiuse por carta ao concelleiro para que entregara a súa acta. A resposta de Antonio Patiño foi que os votos acadados eran nominais á súa persoa e que o cargo era da súa propiedade.
Ante esta situación, os órganos de dirección do partido acordaron que Antonio Patiño Pérez deixe de representar a Alternativa dos Veciños na corporación do Concello de Arteixo. Se o señor Patiño tivera un mínimo de dignidade entregaría a acta ao partido polo que foi elixido.