Alternativa dos Veciños denuncia a falta de participación da oposición nos asuntos que afectan á veciñanza

Alternativa dos Veciños quere denunciar publicamente a forma na que o goberno municipal está xestionando a participación dos grupos da oposición en asuntos de especial relevancia para a cidadanía.

No caso da reunión convocada para tratar o incremento dos valores catastrais, consideramos que non se facilitaron as condicións necesarias para garantir unha participación real e efectiva de todas as forzas políticas. A convocatoria foi fixada sen procurar un mínimo consenso horario, o que dificultou a asistencia de representantes que deben compatibilizar a súa actividade política coas súas obrigas laborais.

Ademais, cando Alternativa dos Veciños tentou asegurar a súa presenza a través dunha representante, esta posibilidade foi rexeitada baixo o argumento de que a representación correspondía a outra forza política.

Desde Alternativa dos Veciños queremos deixar claro que a nosa formación ten voz propia e non está representada por ningún outro grupo. Lamentamos esta forma de actuar porque entendemos que cuestións tan importantes como o denominado “catastrazo” deben abordarse desde a transparencia, o diálogo e a participación de todas as sensibilidades políticas con representación municipal.

A nosa formación sempre defendeu unha política baseada no consenso, no respecto institucional e na busca de solucións aos problemas reais da veciñanza.

Por iso, non compartimos dinámicas que contribúan á exclusión de voces ou á limitación da participación democrática. En todo caso, Alternativa dos Veciños seguirá traballando e estará presente na defensa dos intereses dos veciños e veciñas fronte ao que consideramos un novo golpe aos seus petos, tanto no relativo ao incremento dos valores catastrais como á subida da taxa do lixo.

O noso compromiso segue sendo o mesmo: máis información, máis transparencia, máis participación e máis diálogo para afrontar os problemas do municipio.

Comparte esta nova!