A proposta, que abrangue un amplo espazo marítimo-costeiro desde o cabo Fisterra e inclúe o concello dentro da súa zona de influencia socioeconómica, ten unha incidencia directa sobre a actividade pesqueira, o marisqueo, a acuicultura, a navegación, a comercialización dos produtos do mar e o futuro económico do Concello.
“Non podemos aceptar que se tramiten propostas que afectan directamente ao noso mar, á nosa frota e á nosa xente sen recibir ningún tipo de información previamente. A participación non pode ser unha formalidade. Se se quere falar de desenvolvemento sostible, hai que escoitar primeiro a quen vive do mar.” Matizan dende a formación.
A pesar de que a propia documentación da proposta recoñece a importancia económica, laboral e histórica da pesca, do marisqueo e da acuicultura no territorio, e prevé un modelo de gobernanza que debería integrar os sectores produtivos, as entidades locais e a poboación local. Nin o propio sector pesqueiro recibiu información específica para coñecer e poder valorar a proposta.
Alternativa demandou que se facilite a documentación existente do expediente sobre as posibles incidencias na actividade pesqueira e que se convoque unha reunión informativa específica co sector pesqueiro de Fisterra. Ademáis esixiu que se garanta un prazo suficiente para presentar alegacións e propostas.
“Fisterra non pode quedar fóra das decisións que afectan ao seu principal recurso e á súa identidade como vila mariñeira. Esiximos transparencia, información e participación real. Non unha reserva de biosfera decidida de costas á xente do mar e do noso territorio.” sinalan dende Alternativa.