Victoria Portas denuncia a hipocrisía dos partidos do Goberno e da oposición: “Moitos corren a poñerse detrás da pancarta para quitar a foto nas mobilizacións, pero cando chega o momento de votar e investir recursos no Pleno, pónense de perfil e abstéñense”.
Cangas podía ser diferente: Proxectos, vivendas e recursos con feitos comprobábeis
Durante o mandato de Victoria Portas á fronte do Concello de Cangas, entre 2021 e maio de 2023, Alternativa dos Veciños (AV) demostrou que unha política pública de vivenda real e eficaz era perfectamente posíbel. Non con promesas baleiras nin con fotos de galería, senón con traballo, proxectos técnicos e xestión directa:
- Primeiro: As Casas dos Pobres. Recuperouse e adecuouse un inmoble municipal abandonado, elaborando o proxecto técnico, logrando o financiamento e executando a rehabilitación integral para poñer a disposición da veciñanza tres vivendas de emerxencia social.
- Segundo: As seis vivendas das Casas dos Mestres en Nazaret. Solicitouse á Xunta de Galicia a desafectación e recuperación destes inmobles, acadouse a súa cesión para o patrimonio municipal e deixouse redactado o proxecto técnico completo antes de rematar o mandato. Ante a inacción posterior do actual Goberno, Alternativa dos Veciños presentou en 2024 unha emenda orzamentaria para incorporar case 200.000 euros municipais destinados a esta rehabilitación, garantindo que houbese recursos para avanzar.
- Terceiro: As 23 vivendas na Regueira e o resto das Vivendas de Cangas propiedade da Sareb . Iniciáronse os contactos e negociacións institucionais co Banco Malo para incorporar estes inmobles inacabados ao parque público de alugueiro protexido. Unha vía de interlocución que o actual Goberno local mantuvo paralizada durante tres anos, tal e como a propia entidade confirmou recentemente.
“Nós, en dous anos de goberno, redactamos proxectos, conseguimos subvencións, rehabilitamos tres vivendas de emerxencia e recuperamos seis vivendas de mestres para o patrimonio municipal. Vostedes levan máis tempo gobernando, recibiron o traballo adiantado e recursos dispoñíbeis, e as vivendas seguen agardando”, sinalou a voceira veciñal Victoria Portas.
O que revelou o Pleno do 30 de outubro: A pancarta da foto fronte á realidade do voto
O desenvolvemento e o resultado do Pleno ordinario do pasado 30 de outubro puxeron de manifesto a fenda infranqueábel entre o compromiso real de Alternativa dos Veciños e o cálculo electoralista do resto das forzas políticas da Corporación.
Malia o debate e a gravidade da crise habitacional que padece Cangas —con prezos de alugueiro desorbitados e unha mocidade sen opcións de emancipación—, os grupos municipais do BNG, PSOE e Partido Popular optaron por absterse na votación da moción presentada por AV. Nun movemento que evidenciou ademais as tensións internas no Goberno tripartito, a propia Alcaldesa votou a favor xunto á voceira veciñal, permitindo que a moción de Alternativa dos Veciños quedase finalmente aprobada.
Desde Alternativa dos Veciños consideran rechamante que tanto os partidos que forman o Goberno municipal (BNG, PSOE, IU) como o Partido Popular se negasen a dar un apoio explícito a un plan de acción concreto e real.
Unha esquerda útil e xestionadora fronte ao postureiro electoral
A postura asumida polo resto dos partidos no Salón de Plenos deixa ao descuberto que, para moitas formacións, a vivenda pública converteuse nunha mera arma de desgaste político e un recurso de propaganda, en lugar dunha preocupación social auténtica.
“Á veciñanza de Cangas non lle valen os eslóganes electorais nin o ‘y tú más’ entre siglas. A xente o que precisa son solucións reais e un teito onde vivir. É moi fácil ir ás manifestacións pola vivenda e poñer cara de preocupación diante da pancarta para saír na foto. A defensa do dereito á vivenda demóstrase gobernando, xestionando, tramitando axudas e executando os orzamentos. Cando houbo que votar compromisos e recursos no Pleno, preferiron absterse. Alternativa dos Veciños volveu demostrar que é a única esquerda útil que planifica, traballa e cumpre co pobo de Cangas”, concluíu Victoria Portas.