Alternativa dos Veciños demandará un Centro de Día para Bergondo
Alternativa dos Veciños pretende seguir levando a cabo e ampliar políticas como o Servizo de Axuda no Fogar, Comida Sobre Rodas ou Teleasistencia. Outro dos grandes obxectivos para Bergondo é lograr un Centro de Día público para persoas maiores e dependentes.
As políticas de Alternativa dos Veciños dirixidas ás persoas maiores teñen como fin último a súa calidade de vida e o seu benestar, de forma inclusiva e participativa, transformándoos en
protagonistas das súas decisións e outorgándolles a posibilidade de ter un envellecemento activo e dinámico na súa propia contorna. Para isto é necesaria unha ampla oferta de actividades baseadas nas relacións persoais, na continua aprendizaxe, na actividade física e no coñecemento do seu medio. Estas actividades son a base para acadar ese obxectivo de vida activa nunha etapa na que a idade non ten por que ser un obstáculo.
O próximo acto de campaña está programado para o mércores, ás 20:00 horas en Cortiñán, no Centro sociocultural da localidade.