No día de hoxe, a voceira do Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños de Carral mantivo unha reunión no Concello co Alcalde e os demais voceiros dos grupos políticos para abordar as actuacións previstas no POS 2026.
Durante o encontro, Alternativa dos Veciños trasladou con claridade que o saneamento debe ser a actuación prioritaria en todas as parroquias do termo municipal, considerando esta infraestrutura indispensable para garantir condicións adecuadas de habitabilidade e salubridade.
“O saneamento é unha cuestión de saúde pública e non pode seguir agardando. Debe ser a principal liña de investimento municipal”, trasladou a voceira ao goberno local e ao resto de grupos.
O grupo lembra que no Pleno do 27 de novembro xa expuxo publicamente as obras que considera necesarias para Carral, información que tamén se difundiu nas redes sociais e na revista informativa distribuída no municipio.
Nesa proposta, Alternativa dos Veciños situaba o saneamento como prioridade absoluta, por tratarse dunha infraestrutura básica e urxente para todas as parroquias.
Desde Alternativa dos Veciños destacan que o saneamento non é un luxo, senón unha obra vital e imprescindible para garantir a calidade de vida, a protección do medio e o benestar da veciñanza. Por iso, o grupo manifesta o seu compromiso para que o investimento municipal nas obras do POS 2026 priorice esta necesidade.
Alternativa dos Veciños continuará defendendo que os recursos municipais se destinen ás actuacións máis relevantes para a cidadanía, co saneamento como eixo principal e urxente para avanzar nun Carral máis saudable, digno e ben atendido.