Alternativa dos Veciños lamenta que, tres anos despois do ciberataque ao Concello de Cangas, o BNG continúe empregando a figura de Victoria Portas como recurso político, malia que a Xustiza non a incluíu en ningún momento no procedemento coñecido ata agora.
A formación lembra que a exalcaldesa non está investigada, non foi chamada a declarar e non existe ningunha imputación contra ela por estes feitos, un detalle que, segundo indican, “parece pasar desapercibido para quen leva tres anos repetindo o mesmo relato”.
AV sinala que a nova intención do BNG de “estudar denunciar” a Portas chega nun momento especialmente significativo: xusto cando un edil do actual goberno foi chamado a declarar como investigado por unha presunta prevaricación administrativa relacionada coa contratación posterior ao ciberataque. Para AV, a coincidencia resulta “como mínimo curiosa” e pode interpretarse como un intento de volver trasladar o foco político cara á anterior alcaldesa, ademais de ver como se usan os recursos municipais, que pola contra deberían estar centrados en mellorar o noso pobo e a vida da nosa veciñanza e non ao uso en interese propio de algún partido.
A formación subliña que o debate político continúa evitando unha cuestión central: os case 600.000 euros de diñeiro público abonados posteriormente á empresa vinculada á recuperación dos sistemas municipais mediante distintos contratos.
“É sorprendente que se dediquen tantos esforzos a sinalar a unha persoa que non está investigada nesta causa, mentres se evita ofrecer á veciñanza unha explicación pública e detallada sobre como se xestionaron eses preto de 600.000 euros”, sinalan.
Alternativa dos Veciños insiste en que o seu obxectivo é esclarecer o ocorrido e defender o interese público. A formación reclama transparencia sobre as decisións tomadas tras o ciberataque, os criterios seguidos para as contratacións e a xestión dos fondos municipais. E lembra que, se da investigación se acredita algún prexuízo para as arcas de Cangas, deberá recuperarse ata o último euro que legalmente corresponda.
A formación tamén apela á presunción de inocencia, que considera “un principio básico que debe aplicarse a todas as persoas, con independencia da súa posición política”.
Alternativa dos Veciños considera que o BNG mantén unha dinámica centrada en buscar responsables políticos para desviar a atención de non explicar a perda de case 600.000 € dos veciños e veciñas.
A formación conclúe cunha reflexión:
“A presunción de inocencia vale para todos. A verdade tamén. E ningunha das dúas debería depender de quen resulte politicamente conveniente sinalar.”