Carral, 22 de setembro de 2021.- Despois de máis de 30 anos de paralización resólvese a parcelaria de San Vicente.
Un dos obxectivos fundamentais de Alternativa dos Veciños cando entrou no goberno de Carral foi a resolución da problemática da parcelaria de San Vicente, un asunto paralizado durante máis de 30 anos.
Despois de numerosas reunións do Alcalde, D. Javier Gestal (AV) cos organismos de competencia no asunto, conseguiu rematar un proceso pendente dende hai décadas para a veciñanza con propiedades en San Vicente de Vigo.
Os días 22 e 23 de setembro procederase á entrega dos títulos de propiedade da parcelaria de San Vicente aos seus propietarios no Pavillón do Espiño.
As persoas que non poidan persoarse estes dous días poden delegar a recollida dos títulos noutra persoa, levando cuberta a autorización pertinente que está dispoñible na web do Concello de Carral. Os títulos que non sexan recollidos estarán a disposición dos interesados e interesadas no Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial do Medio Rural (Edificio Administrativo de Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2, 6° andar- A Coruña).