Alternativa dos Veciños acelerará a aprobación do PXOM de Bergondo
Alternativa dos Veciños pretende que o PXOM, que se está a tramitar na actualidade, se aprobe o antes posible para acadar o nivel de vida que merece Bergondo. A falta de planificación provoca improvisación, impedindo un crecemento ordenado e un futuro próspero para o municipio.
“O Plan Xeral de Ordenación Urbanística é o motor do desenvolvemento dun Concello. Un documento que fomenta a calidade de vida e permite un crecemento urbano sostible no que o medio ambiente prevaleza sobre o cemento”, dixo o candidato Juan Fariña.
Alternativa dos Veciños conta coa experiencia de aprobar tres plans xerais en Oleiros, tendo que negociar e pactar con outras forzas e demostrando que a vontade política é o ingrediente básico para unha xestión eficaz.
O próximo acto de campaña está programado para o mércores, ás 20:00 horas en Cortiñán, no Centro sociocultural da localidade.